Friday 03 de May de 2024

O Museo MAN albergará unha exposición a favor da Fundación Vicente Ferrer baixo o título ‘De Anantapur a Camelle pasando por el Mediterráneo’


Preséntase o traballo artístico da III Ruta da Arte de Anantapur, un proxecto solidario que dá visibilidade ao traballo da Fundación Vicente Ferrer a través da creación plástica.

O Museo MAN albergará o vindeiro sábado, 26 de setembro, unha exposición da Fundación Vicente Ferrer baixo o título ‘De Anantapur a Camelle pasando por el Mediterráneo’, o traballo artístico da III Ruta da Arte de Anantapur, un proxecto solidario que dá visibilidade ao traballo da Fundación Vicente Ferrer a través da creación plástica.
A inauguración será o vindeiro sábado, 26 de setembro, no propio Museo e ás 12:00 horas. Será obrigatorio o uso de máscara sanitaria e o Concello porá a disposición das persoas asistentes xel hidroalcólico para a correcta desinfección das mans.
En febreiro de 2020, oito artistas representantes de ‘Mata Sombras’ (‘Mate Ombres orixinariamente) viaxaron dende distintos puntos das Illas Baleares viaxaron á India xunto ao comisario Antoni Torres Martorell. Esta experiencia vital deixou unha impronta inesquecible na súa traxectoria.
Como resultado, a exposición amosa a conxunción entre a individualidade do artista e a unión como colectivo. ‘Mata Sombras’ é unha auténtica oportunidade de sensibilización para unha cidadanía reflexiva, crítica e de promoción da arte como unha ferramenta de trasformación a favor dun
mundo máis xusto.

Nun sentido figurado, os artistas, todos eles das Illas Baleares, conseguen a través das súas creacións ‘matar as sombras’. Este é o pequeno milagre da transformación social: erradicar a oscuridade coa luz e as cores. Albert Pinya, Amparo Sard, Cristina Torbellina, Doralice Souza, Pep Guerrero, Rif Sphani, Tomeu Coll e Zulema Bagur reflicten esta visión humanista coa que a Fundación Vicente Ferrer afronta o sufrimento e a pobreza desde fai máis de cincuenta anos.
As pinturas e as fotografías incluídas na exposición fanse eco dunha mensaxe universal: a transformación social conséguese con valores como a educación, a cooperación ou a inserción, para conseguir unha vida máis xusta e digna naqueles sectores máis vulnerables.
A exposición, itinerante, chega a Camariñas como o punto final nunha longa andaina, que comezou en Baleares e que tivo como puntos de encontro tamén a comarca valenciana da Mariña Alta.
A Fundación Vicente Ferrer é unha Organización Non Gubernamental de desenvolvemento comprometida dende hai máis de 50 anos co proceso de transformación de zonas rurais do sur da India. Apoia a comunidades
empobrecidas e a grupos especialmente vulnerables: mulleres e persoas con discapacidade. Aplica os seus programas en 3.669 pobos e apoia a preto de 3 millóns de persoas. O modelo de desenvolvemento da FVF na India coincide co conxunto de propostas globais da ONU para acadar os ODS 2030.